• LA VOZ DE GALICIA (ROMÁN RODRÍGUEZ):

O Camiño de Aida

ROMÁN RODRÍGUEZ

A primeira vez que falei con Aida Menéndez levei unha boa sorpresa. Era o ano 1999. Acompañada por Nazario Pin, entón alcalde de Monforte de Lemos, comentoume algo que nunca escoitara antes: había un Camiño de Santiago que entraba a Galicia por Valdeorras, cruzaba a Ribeira Sacra e enlazaba coa Vía da Prata en Lalín: o Camiño de Inverno.

Ningún dos dous podíamos imaxinar que estabamos comezando a percorrer unha ruta que, dezasete anos despois, tería o mellor dos desenlaces posibles. Ao principio, teño que recoñecelo, foi todo un descubrimento. Pero aos poucos funme dando conta de que aquela idea tiña un transfondo histórico e realista que podía configurar un dos Camiños máis diversos, fermosos e atractivos. 

A partir de aí, Aida, muller entusiasta, valente, decidida, con carácter e capacidade para aglutinar ás persoas, foi levándonos a moitos de nós por un Camiño que ela coñecía mellor que ninguén. Lembro a axuda de amigos como Eliseo Diéguez, rexedor de Rodeiro, Danielito e outros. E lembro tamén algunhas andainas para colocar estacas, sinalizando o que daquela era un incipiente itinerario que ao final se materializou nun dos Camiños con máis futuro.

Seguiron despois moitas reunións, máis camiñadas, conversas,… E sempre vin nela unha paixón e unha determinación digna de todo eloxio. Cando no ano 2016, xa como conselleiro na Xunta, levamos ao Parlamento a Lei do Patrimonio Cultural, que facía oficial o Camiño de Inverno, Aida foi a primeira persoa á que chamei. A súa aprobación foi o avance definitivo, ao que seguiu a mellora da ruta, a súa sinalización ou a apertura do primeiro albergue público. 

Tamén atopei en Aida unha aliada na declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, un paso imprescindible da candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco, fito que ela non viu cumprido, pero que agardamos dedicarlle máis pronto que tarde. Un deses moitos proxectos que compartimos e que pensabamos que era bo para as terras da Ribeira Sacra, para o Deza, para Valdeorras. En definitiva, que era bo para Galicia enteira.

Aida non era unha muller calquera. Non deixaba indiferente ás persoas, coas que sabía xerar complicidades. Era Aida cos puntos fortes e debilidades que calquera temos. E sempre cunha visión positiva da vida. Cando na noite do mércores souben do seu falecemento, asolagoume unha fonda tristura. 

Dígoo desde xa, aínda co seu recordo moi latente, que merece unha homenaxe das boas xentes do seu concello de Monforte, onde foi concelleira, mestra, nai e persoa que quería aos seus veciños e era apreciada por eles. 

Aida, sei que onde esteas, sentiraste orgullosa do moito que fixeches. As persoas que te coñecemos tamén o estamos. Sen ti, esta ruta, un gran recurso da Galicia interior, non existiría. Sería unha descoñecida. Aquí seguiremos percorrendo o Camiño de Inverno, o teu Camiño, o Camiño de Aida.